miércoles, 25 de junio de 2014

Encontro de Didáctica da Historia Económica

A nosa Facultade acollerá o xoves 26 e o venres 27 de xuño o XI Encontro de Didáctica da Historia Económica, unha ocasión que reunirá a docentes e expertos/as de diversas universidades españolas para abordar as oportunidades e problemáticas da implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. A cita servirá para analizar diferentes propostas de interese sobre a docencia neste ámbito e para a presentación de novos recursos, experiencias metodolóxicas ou situacións de avaliación, entre outros.
As sesións da primeira xornada inclúen temática sobre avaliación das competencias dos universitarios/as e o novo protagonismo das crises económicas no ensino da historia económica, así como a presentación de manuais e recursos didácticos da Asociación Española de Historia Económica. No segundo día do encontro haberá sesións sobre a historia económica nos graos bilingües das universidades española, os desafíos e remedios da docencia do EEES, unha mesa de debate sobre as escolas de doutoramento e os novos doutorados, e as posibilidades e limitacións das aulas e cursos virtuais e as propostas de contidos. O programa rematará cunha mesa sobre o estado actual e os retos do ensino da historia económica.

martes, 17 de junio de 2014

Proxecto europeo Citizenergy

O pasado día 12 e 13 de xullo desenvolveuse na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais unha reunión do proxecto europeo Citizenergy.
Citizenergy é o acrónimo de Cidadáns Euroepos polas Renovables (e na súa acepción inglesa da European Platform for citizen investiment in renewable energy), un proxecto europeo que tentará promover sinerxías entre proxectos e a transferencia en Europa de modelos de negocio clave na área das enerxías renovables. No seu desenvolvemento participan un total de catorce socios de nove países diferentes, entre eles o grupo de investigación Valoración Financeira Aplicada da USC. O resultado principal do proxecto será a creación dunha nova plataforma en liña en Europa para os investimentos dos cidadáns en proxectos con base nas fontes de enerxía renovables.                        
Cun orzamento de un millón e medio de euros, participan no desenvolvemento desta plataforma Ateknea Solutions Catalonia, Boa Energia, Lumo France, Green Crowding, Abundance, Som Energia, De Windvogel, European Crowdfunding Network, Active Citizenship Network, European Association of Development Agencies, Climate Alliance, United Nations Development Program, Eupportunity e o grupo VALFINAP. O equipo da USC, cos profesores David Roodeiro, Sara Fernández e Pablo Durán ao frente, asume o liderado do paquete de traballo destinado a identificar os distintos tipos de modelos de negocio e as súas características no ámbito das enerxías renovables.
O proxecto iniciado este mesmo ano, estenderase ata comezos de 2017. A súa segunda xuntanza realizada en Compostela profundizou na coordinación dos equipos para o desenvolvemento da plataforma que será probada coa axuda de seis proxectos piloto RES (Renewable Energy Source) en Alemaña, España, Francia, Holanda, Portugal e no Reino Unido. Segundo David Rodeiro espéranse ter no ano 2017 mais de 6.000 investimentos de cidadáns de dez estados membros europeos.
Os socios de Citizenergy traballarán na liña de construír un futuro enerxético seguro e a obtención dos obxectivos de enerxía trazados pola UE no horizonte de 2020 que apuntaban unha redución do consumo de enerxía primaria dun 20% para ese ano. Ademais, o desenvolvemento deste proxecto permitiría anticipar un marco común da UE para o investimento do cidadán, así como apoiar unha cultura de investimento a longo prazo e para a creación de postos de traballo verdes en Europa.
 

 

domingo, 1 de junio de 2014

Bodas de prata da Promoción de Económicas 1983-1988

Celebrouse na Facultade o pasado 16 de maio o acto de conmemoración do 25 aniversario da promoción de Ciencias Económicas da que saíron varios dos profesores que hoxe están a desenvolver a súa actividade docente e investigadora no noso centro, como Maite Cancelo, Isidro Frías, Miguel Taín, Marisa Chas, Salomé Taboada e Rosario Díaz. Ésta precisamente falou en nome dos titulados da promoción durante o acto, que estivo presidido pola Decana da Facultade e no que tamén participou un dos profesores daquela promoción, o profesor Luis Caramés. Fellicitacións!