lunes, 19 de febrero de 2018

Xornada sobre o estado actual do emprendemento entre os universitarios

No marco da celebración dos 50 anos dos estudos de economía de Galicia, o equipo GEM Galicia organizou o pasado venres 16 de febrero, en colaboración coa Secretaría Xeral de Universidades, unha xornada na que se analizou o estado actual do emprendemento entre os universitarios españois e, en particular, galegos.
 
Na sesión abordouse ademais esta temática desde a perspectiva de xénero, dados os resultados do último informe do Global Entrepreneuship Monitor (GEM) realizado por un equipo de investigadores da USC.
 
A xornada foi inaugurada ás 12.00 horas polo secretario xeral de Universidades, José Díez de Castro, acompañado do adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José M. Cotos, e a decana do centro, Emilia Vázquez.
 
Na mesa redonda, moderada pola profesora da USC e directora de GEM Galicia, Loreto Fernández, participaron catro especialistas que explicaron a realidade da cuestión no momento actual. A doutora Maribel Guerrero, actualmente na Universidade de Newcastle (UK) deu a coñecer os resultados do Observatorio de Emprendemento Universitario en España CISE-CRUE-RedEmprendia, do que é autora. A profesora da USC e directora técnica do Informe GEM Galicia, Isabel Neira, fixo unha análise da situación no sistema universitario galego.
 
O emprendemento universitario desde unha perspectiva de xénero foi o tema tratado pola técnica de transferencia de coñecemento no Programa Woman Emprende da USC, Eva López, e a promotora da empresa Situm, Cristina Gamallo.
 
 
Tendencia ao emprendemento
 
Segundo datos do Observatorio de Emprendemento Universitario CRUE-CISE-RedEmprendia no que participou o equipo GEM da USC, un terzo dos universitarios españois que cursan últimos cursos manifesta a intención de emprender en poucos anos. Os resultados do Informe GEM-Galicia 2016 corroboran esta tendencia maior a emprender entre a comunidade universitaria fronte á poboación xeral en Galicia (37% fronte a 13% entre 25-44 anos).
 
O proxecto GEM
 
O Global Entrepreneuship Monitor (GEM) é un observatorio internacional para analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico. En España o proxecto lidérao o Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE).
 
Galicia sumouse a esta iniciativa en 2005 cun equipo configurado na actualidade pola USC, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a Asociación de Novos Empresarios (FEGAXE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.