viernes, 10 de mayo de 2019

Seminario formativo: "O Consultor de negocios no sector TIC"


Durante esta semana tivo lugar na Facultade o seminario formativo "O consultor de negocio no sector TIC" impartido por Chelo Ferreirós directora de proxectos IT en Plexus Tech, no que participou alumnado de cuarto curso dos graos e alumnado dos másteres da Facultade que decidiron apuntarse a esta iniciativa para coñecer as competencias e metodoloxías propias desta posible saída profesional.



jueves, 9 de mayo de 2019

Serie Economistas do Mes (maio 2019): Rosa Luxemburg

No mes de maio, a serie de Economistas do Mes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela está dedicada a Rosa Luxemburg, da que se cumpren cen anos da súa tráxica morte. Un mes máis a Biblioteca do noso centro colabora organizando unha exposición coa obra da que se dispón nos seus fondos bibliográficos.

Mostra "A Cidade, o Camiño e Nós"

O pasado venres 3 de maio inaugurouse en A Ferradura unha mostra " A Cidade, o Camiño e Nós" que recolle a visión de turistas e veciños sobre Santiago. Esta mostra é un dos resultados da investigación da Rede Galabra na que participa a profesora da nosa Facultade Marisa del Río Araujo. 


martes, 7 de mayo de 2019


Xornada IRPF 2018 do Colexio de Economistas de A Coruña

O Colexio de Economistas de A Coruña organizou o pasado luns 6 de maio na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, unha xornada sobre o IRPF 2018, impartida por Mª Remedios Vázquez Gil da área de Xestión Tributaria da AEAT en Santiago de Compostela na que tamén participou o alumnado da Facultade.






lunes, 6 de mayo de 2019

Serie Economistas do Mes (abril 2019): James Tobin

Seguindo coa serie que vén publicando a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela, no mes de abril dedicamos o noso Economista do Mes, a James Tobin, Premio Nobel de Economía en 1981, e do que se celebrou o centenario do seu nacemento o pasado ano. Como no mes de marzo, a biblioteca da Facultade dedicoulle un espazo con información sobre a obra máis destacada deste economista



Conferencia Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas

O Máster Oficial en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas organizou o pasado xoves 2 de maio na Facultade a conferencia  “Xestión turística dunha cidade patrimonio da Humanidade: Santiago de Compostela”  a cargo de  Flavia Ramil Millarengo, directora xerente de Turismo de Santiago de Compostela,  profesional con máis de 20 anos de experiencia no sector turístico. A conferencia (entrada libre) tivo lugar na aula 3i, ás 18:30h.


Serie de Economistas do Mes (marzo 2019): Jane Marcet
O pasado mes de marzo decidimos comezar na Facultade unha serie de Economistas do Mes. En colaboración coa Biblioteca do centro, elaboramos cada mes un póster e unha pequena exposición bibliográfica dedicado a mulleres e homes economistas que destacaron en diferentes épocas. En marzo, aproveitando que se celebraba o Día Internacional da Muller, dedicámosllo a unha das pioneiras da economía, Jane Marcet.


Conferencia Máster DEIN

O Máster DEIN organizou na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela o pasado martes 30 de abril , unha conferencia sobre os programas de apoio á innovación en Galicia impartida por dous responsables da .


Celebración do Patrón do Centro 
Os actos de celebración do patrón da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, San Vicente Ferrer, tiveron lugar o 8 de abril nun acto presidido porla vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo.

Durante este acto entregouse o premio de pintura CreArte na Universidade a Alejandra Pardo coa obra "Incesante chegada" que pasa a formar parte dos fondos artísticos da nosa Facultade. Por outra banda, o director executivo de Bodegas Martín Codax e antigo alumno do centro, José Antonio Vázquez Gancedo recolleu o premio Fulget 2018 que lle foi entregado polo decano Xoán Ramón Doldán García. Este premio recoñece , entre outros aspectos, a colaboración desta empresa coa Facultade na formación do alumnado.

Tamén se outorgaron diferentes premios que recoñecen a excelencia académica do alumnado da Facultade. Premios extraordinarios de grao: Lucas Jacobo Luaces , Francisco López Bermúdez e Jorge Saldaña Moscoso; Premio extraordinario do Máster DEIN Leandro Javier Llorente; do Máster DIXECOFI, Rubén Pájaro García e do Máster en Turismo Urbano, Antonio Rodríguez García. O premio extraordinario de doutoramento foille entregado a María Ángeles Pereiro e o Premio María del Carmen Lorenzo Díaz a traballos sobre a xestión ou economía dos recursos naturais e o medio ambiente a Enid López López (TFM) e a Alba Martínez Mirás (TFG) que tamén recibiu polo seu traballo o premio á Calidade Lingüistica.

O profesor ad honorem do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización, Justino Bastida Calvo pronunciou a conferencia "Económicas e Empresariais/ADE: onte e hoxe" na que destacou a calidade e o importante número de directivos, técnicos das administracións públicas, políticos e profesionais que se levan formado na nosa Facultade.







domingo, 5 de mayo de 2019

Programa de Talento de Zara 


O  26 de abril tivo lugar  no salón de graos da Facultade  a última actividade da axenda Pensando no teu futuro? do mes de abril. Dous responsables do equipo de recursos humanos do grupo INDITEX , Carolina Pita e Daniel González, ex alumno do grao de ADE na Facultade , realizaron unha presentación do programa de talento de ZARA e posteriormente realizaron co alumnado participante unha dinámica co fin de coñecelo mellor.

Xornada de presentación dos Másteres da Facultade
A terceira actividade da Axenda: Pensando no teu futuro? tivo lugar o xoves 25 de abril. Durante esta xornada os coordinadores dos másteres que se impartirán na Facultade no próximo curso 2019/20 estiveron en horario de mañán e tarde resolvendo as cuestións plantexadas polo alumnado de cuarto curso que ten pensado ampliar a súa formación.