domingo, 4 de diciembre de 2016

Presentado o Informe GEM 2015

De esquerda a dereita, José Alberto Díez, Javier Aguilera, Juan
Viaño,Carmen López e Isabel Neira. Foto: Servimav-USC
O Global Entrepreneurship Monitor (GEM) é un observatorio internacional cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico como factor determinante para o desenvolvemento e o benestar das sociedades. Na súa edición de 2015, GEM mediu a actividade emprendedora en 69 países, o que lle ten merecido o recoñecemento como o estudo lonxitudinal  sobre emprendemento máis importante do mundo.

Galicia sumouse a esta iniciativa internacional en 2005. As 10 edicións consecutivas publicadas ata o momento son froito da colaboración entre a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), o Instituto Galego de Promoción Económica dando continuidade a BIC Galicia (IGAPE) e un grupo de investigación da USC. Ademais, o pasado ano o equipo de investigación, formado por profesores da nosa Facultade, asumiu a dirección do equipo responsable da elaboración do informe e incorporouse a FEGAXE que substitúe á CEG. Así, a profesora Loreto Fernández asumiu a Dirección de GEM-Galicia, Isabel Neira a Dirección Técnica do equipo, e Sara Fernández a Coordinación do equipo, no que tamén participan David Rodeiro Pazos, Mª Milagros Vivel Búa, Lucia Rey Ares, Guillermo Zapata Huamaní, Marta Portela Maseda, María Bobillo Varela e Nuria Calvo Babío.
 
A edición 2015 do informe GEM Galicia presentouse este venres 2 de decembro na Sala de Debates do CEA. Nunha sesión presidida polo reitor Juan Viaño tamén participaron o director do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Javier Aguilera Navarro; a presidenta da Federación Galega de Xóvenes Empresarios (FEGAXE), Carmen López; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, e Isabel Neira que presentou os principais resultados. O pasado 2015 foi en Galicia un ano de consolidación de iniciativas emprendedoras ao alcanzar unha Taxa de Actividade Emprendedora (TAE) de 5,51% (porcentaxe de poboación adulta con intención de emprender). Os datos mostran o maior crecemento da última década e supón a converxencia cara a media española e a mellora da posición de Galicia no contexto estatal e internacional.
 
Máis información no Xornal da USC.