Programa de desenvolvemento das competencias transversais necesarias para afrontar con éxito o futuro profesional dos nosos estudantes
A Facultade de
Ciencias Económicas e Empresariais da USC presenta un completo programa de
actividades relacionadas coa mellora da empregabilidade e o fomento das
habilidades emprendedoras dos estudantes, que terán lugar o longo do mes de
abril.
O mes de abril
ven cargado de actividades para os estudantes, fundamentalmente dos últimos
anos de Grado e Master, de calquera das titulacións da USC, co denominador
común de mellorar a súa preparación de cara a afrontar o seu paso ao mundo laboral.
O obxectivo das distintas entidades que organizan as actividades é ofrecer unha
formación complementaria sobre as competencias e habilidades que demanda o
mercado laboral na procura de emprego ou nas habilidades que lles permitan
desenvolver o seu potencial emprendedor.
As dúas
actividades principais son de carácter formativo e teñen como obxectivo, por
unha banda, a mellora das competencias profesionais (persoais e sociais) de
cara a procura de emprego e, por outra, das competencias para o emprendemento.
Talent´s Loop
Os días 16 e 17 de abril a Facultade e a Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora organizan o Talent´s Loop,
un itinerario
formativo que ten por obxectivo mellorar as competencias e habilidades
profesionais dos estudantes para afrontar con éxito o mercado laboral.
Inclúe unha serie de obradoiros deseñados para afondar no desenvolvemento das
competencias transversais precisas a día de hoxe para afrontar con éxito a
busca de emprego. As temáticas tratadas van dende a marca persoal ata as
habilidades comunicativas. Asemade, realizaranse varias mesas redondas con
representantes do mundo da empresa e con ex-alumnado para orientar de forma
práctica aos participantes. As
actividades agrúpanse en dúas sesións: o xoves 16 de abril, de 16:00 a 21:00 h,
e o venres 17 de abril, de 9:30 a 14:30 h., e os alumnos poden inscribirte
nunha sesión ou nas dúas.
Como elemento
máis novidoso deste programa, durante os dous días poñerase en marcha un LABORATORIO DE EMPREGO, no que se simulará
un proceso de selección real. Este proceso personalizado axudará a poñer en
práctica os coñecementos adquiridos e a solucionar as dúbidas que poidan xurdir
na vida real, converténdose no adestramento perfecto para o alumnado de últimos
cursos ou de posgrao de cara a enfrontarse á busca do seu primeira experiencia
laboral. Os interesados/as poden reservar o horario que máis lles conveña xa
que estará aberto no hall da
facultade de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h os dous días. O programa
rematará cun networking real, catering incluido, que se celebrará na
cafetería da Facultade ao final da actividade do venres as 20:00 h.
Tour Pop up Emprendedores
O Pop up
Emprendedores é un itinerario formativo para
a ideación de proxectos de carácter social, que desenvolve a Fundación
Telefónica en varias universidades españolas e chega por primeira vez á USC. As
ideas máis interesantes poden pasar ao programa Think Big, un programa da Fundación Telefónica que ofrece
aos promotores da idea ferramentas e axuda para facer realidade o seu proxecto.
Terá lugar na Facultade nun espazo creado no hall de entrada especificamente para este programa, durante os días 22 e 23 de abril.
Como aperitivo
para este programa, o luns
13 pola tarde
organizaremos unha visita ao espazo de
crowdworking do proyecto Galicia Open Future que a Fundación Telefónica ten
creado coa colaboración da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Medio
centenar de proxectos de emprendemento están sendo apoiados por estas entidades
para desenvolver o seu modelo de negocio e procurar o seu mercado. Na visita,
ademais de coñecer o programa, os asistentes poderán coñecer de primeira man
algunhas experiencias dos emprendedores que tiveron a oportunidade de
participar no programa.
Outras actividades:
Pero as dúas
anteriores súmanse moitas outras actividades que complementan a información e
formación requirida polos que están a punto de rematar os estudos e queren
saber máis sobre as súas posibilidades futuras.
O mércores 15, ás 12:00 h, o Decanato da Facultade
organiza unha mesa
redonda na que se presentará a oferta de programas de postgrao que se imparten
na facultade. Os Directores e responsables dos Masteres (oficiais e
propios) expoñerán as características dos programas, contidos, profesorado,
prácticas, saídas profesionais, e todo aquilo que pode determinar a decisión de
continuar os estudos despois do Grao. Contaremos
con os seguintes programas de postgrao oficiais: Máster en Desenvolvemento
Económico e Innovación, Máster en Desenvolvemento Rexional e Integración
Económica, Máster en Dirección de Empresas, Master en Marketing Dixital, Máster
en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas e Máster en Economía:
Organización Industrial e Mercados Financeiros. Tamén cos seguintes Masters
propios da USC: Máster en Banca, Finanzas e Seguros e Máster en Dirección e
Xestión do Comercio Exterior.
O mércores 22, tamén as 12:00 h, o Colexio de Economistas de A Coruña organiza unha mesa redonda sobre “Saídas profesionais para os titulados en ADE y Economía”,
onde contaremos con destacados profesionais e expertos dos distintos perfís
profesionais máis frecuentes entre os graduados nestas titulacións.
A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC
organiza o luns 20 a
Xornada: Empresas Sostibles no
entorno Galego, na que
participarán empresas e institucións cuxa actividade é a de manter e mellorar
as condicións medioambientais a través dunha estratexia de Responsabilidade
Social Empresarial.
A Asociación Profesional del Cuerpo Superior
de Interventores y Auditores del Estado presentarán o día 21, ás 13:00 h, as características da súa
profesión. Os Interventores e Auditores do Estado constitúen un Corpo Especial
do Ministerio de Hacienda y AAPP, cuxa actividade principal é o control do
gasto público. Para acceder a este corpo é preciso superar unha oposición
que se convoca todos os anos, estando previsto este año convocar un número de prazas
máis elevado que en anos anteriores. Por
este motivo, contaremos con Ángel Rodríguez Blanco, Interventor Territorial de
A Coruña, que nos vai explicar as características e contidos desta oposición,
dirixida especialmente aos titulados en Economía, ADE e Dereito, entre outras.
As asociacións
estudantís tamén organizan varias actividades no contexto da programación de
abril que presentamos. Así, o martes 14 ás 18:00 h,
baixo o título Mercado laboral e sociedade
dixital, a
asociación e³ (Estudantes de Económicas e
Empresariais)
organiza unha charla-debate cuxo obxectivo é mostrar os cambios acontecidos no
mercado de traballo, os actuais procesos de busca de emprego e de selección de
persoas; así como o desenvolvemento profesional na sociedade dixital. Da man de
Xosé Alberte Cea, orientador laboral cunha ampla experiencia e coñecementos do
novo escenario do mercado laboral, esta xornada enfocarase dun xeito
participativo e dinámico, invitando aos asistentes a xerar un debate en torno a
súa temática.
Tamén os
estudantes da asociación AIESEC
organizan ao longo de todo o venres 24 un
evento especial en formato de foro de empleo, no que terán presenza grandes
empresas que manteñen abertos procesos de selección ou son expertas nesta
temática, entre elas as big4 da auditoría (KPMG, Deloitte, PriceWaterhouse
Cooper (PWC) e Ernst&Young) e outras como Everis Group. Estas compañías
falarán sobre as demandas dos empregadores e ofrecerán información a todos os
estudantes que participen neste evento denominado: I Excellance Job Fair.
O mesmo dia 24, en colaboración co Club
Financiero de Santiago, contaremos na Facultade cun dos máis carismáticos
comunicadores no ámbito das competencias para desenvolver con éxito o futuro,
tanto no terreo profesional como persoal: Josef Ajram, trader
de Bolsa e deportista nas probas máis esixentes do ultrafondo. Nas súas
conferencias Ajram logra transmitir as
súas vivencias e coñecementos sobre o mundo do deporte extremo
e aplicalos ao mundo empresarial.