sábado, 11 de abril de 2015

ABRIL: MES DO EMPREGO NA FACULTADE

Programa de desenvolvemento das competencias transversais necesarias para afrontar con éxito o futuro profesional dos nosos estudantes
 
A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC presenta un completo programa de actividades relacionadas coa mellora da empregabilidade e o fomento das habilidades emprendedoras dos estudantes, que terán lugar o longo do mes de abril.
 
O mes de abril ven cargado de actividades para os estudantes, fundamentalmente dos últimos anos de Grado e Master, de calquera das titulacións da USC, co denominador común de mellorar a súa preparación de cara a afrontar o seu paso ao mundo laboral. O obxectivo das distintas entidades que organizan as actividades é ofrecer unha formación complementaria sobre as competencias e habilidades que demanda o mercado laboral na procura de emprego ou nas habilidades que lles permitan desenvolver o seu potencial emprendedor.
As dúas actividades principais son de carácter formativo e teñen como obxectivo, por unha banda, a mellora das competencias profesionais (persoais e sociais) de cara a procura de emprego e, por outra, das competencias para o emprendemento.
Talent´s Loop
Os días 16 e 17 de abril a Facultade e a Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora organizan o Talent´s Loop, un  itinerario formativo que ten por obxectivo mellorar as competencias e habilidades profesionais dos estudantes para afrontar con éxito o mercado laboral. Inclúe unha serie de obradoiros deseñados para afondar no desenvolvemento das competencias transversais precisas a día de hoxe para afrontar con éxito a busca de emprego. As temáticas tratadas van dende a marca persoal ata as habilidades comunicativas. Asemade, realizaranse varias mesas redondas con representantes do mundo da empresa e con ex-alumnado para orientar de forma práctica aos participantes.  As actividades agrúpanse en dúas sesións: o xoves 16 de abril, de 16:00 a 21:00 h, e o venres 17 de abril, de 9:30 a 14:30 h., e os alumnos poden inscribirte nunha sesión ou nas dúas.
Como elemento máis novidoso deste programa, durante os dous días poñerase en marcha un LABORATORIO DE EMPREGO, no que se simulará un proceso de selección real. Este proceso personalizado axudará a poñer en práctica os coñecementos adquiridos e a solucionar as dúbidas que poidan xurdir na vida real, converténdose no adestramento perfecto para o alumnado de últimos cursos ou de posgrao de cara a enfrontarse á busca do seu primeira experiencia laboral. Os interesados/as poden reservar o horario que máis lles conveña xa que estará aberto no hall da facultade de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 h os dous días. O programa rematará cun networking real, catering incluido, que se celebrará na cafetería da Facultade ao final da actividade do venres as 20:00 h.
 Toda a información e inscricións na web propia: www.talentsloop.com
Tour Pop up Emprendedores
O Pop up Emprendedores é un itinerario formativo para a ideación de proxectos de carácter social, que desenvolve a Fundación Telefónica en varias universidades españolas e chega por primeira vez á USC. As ideas máis interesantes poden pasar ao programa Think Big, un programa da Fundación Telefónica que ofrece aos promotores da idea ferramentas e axuda para facer realidade o seu proxecto. Terá lugar na Facultade nun espazo creado no hall de entrada especificamente para este programa, durante os días 22 e 23 de abril.
Como aperitivo para este programa, o luns 13 pola tarde organizaremos unha visita ao espazo de crowdworking do proyecto Galicia Open Future que a Fundación Telefónica ten creado coa colaboración da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura. Medio centenar de proxectos de emprendemento están sendo apoiados por estas entidades para desenvolver o seu modelo de negocio e procurar o seu mercado. Na visita, ademais de coñecer o programa, os asistentes poderán coñecer de primeira man algunhas experiencias dos emprendedores que tiveron a oportunidade de participar no programa.
Inscripciones AQUI
Outras actividades:
Pero as dúas anteriores súmanse moitas outras actividades que complementan a información e formación requirida polos que están a punto de rematar os estudos e queren saber máis sobre as súas posibilidades futuras.
O mércores 15, ás 12:00 h, o Decanato da Facultade organiza unha mesa redonda na que se presentará a oferta de programas de postgrao que se imparten na facultade. Os Directores e responsables dos Masteres (oficiais e propios) expoñerán as características dos programas, contidos, profesorado, prácticas, saídas profesionais, e todo aquilo que pode determinar a decisión de continuar os estudos despois do Grao. Contaremos con os seguintes programas de postgrao oficiais: Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación, Máster en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica, Máster en Dirección de Empresas, Master en Marketing Dixital, Máster en Turismo Urbano e Xestión de Empresas Turísticas e Máster en Economía: Organización Industrial e Mercados Financeiros. Tamén cos seguintes Masters propios da USC: Máster en Banca, Finanzas e Seguros e Máster en Dirección e Xestión do Comercio Exterior.
O mércores 22, tamén as 12:00 h, o Colexio de Economistas de A Coruña organiza unha mesa redonda  sobre Saídas profesionais para os titulados en ADE y Economía”, onde contaremos con destacados profesionais e expertos dos distintos perfís profesionais máis frecuentes entre os graduados nestas titulacións.
A Oficina de Desenvolvemento Sostible da USC organiza o luns 20 a Xornada: Empresas Sostibles no entorno Galego, na que participarán empresas e institucións cuxa actividade é a de manter e mellorar as condicións medioambientais a través dunha estratexia de Responsabilidade Social Empresarial.
A Asociación Profesional del Cuerpo Superior de Interventores y Auditores del Estado presentarán o día 21, ás 13:00 h, as características da súa profesión. Os Interventores e Auditores do Estado constitúen un Corpo Especial do Ministerio de Hacienda y AAPP, cuxa actividade principal é o control do gasto público. Para acceder a este corpo  é preciso superar unha oposición que se convoca todos os anos, estando previsto este año convocar un número de prazas máis elevado que en anos anteriores.  Por este motivo, contaremos con Ángel Rodríguez Blanco, Interventor Territorial de A Coruña, que nos vai explicar as características e contidos desta oposición, dirixida especialmente aos titulados en Economía, ADE e Dereito, entre outras.
As asociacións estudantís tamén organizan varias actividades no contexto da programación de abril que presentamos. Así, o martes 14 ás 18:00 h, baixo o título Mercado laboral e sociedade dixital, a asociación e³ (Estudantes de Económicas e Empresariais) organiza unha charla-debate cuxo obxectivo é mostrar os cambios acontecidos no mercado de traballo, os actuais procesos de busca de emprego e de selección de persoas; así como o desenvolvemento profesional na sociedade dixital. Da man de Xosé Alberte Cea, orientador laboral cunha ampla experiencia e coñecementos do novo escenario do mercado laboral, esta xornada enfocarase dun xeito participativo e dinámico, invitando aos asistentes a xerar un debate en torno a súa temática.
Tamén os estudantes da asociación AIESEC organizan ao longo de todo o venres 24 un evento especial en formato de foro de empleo, no que terán presenza grandes empresas que manteñen abertos procesos de selección ou son expertas nesta temática, entre elas as big4 da auditoría (KPMG, Deloitte, PriceWaterhouse Cooper (PWC) e Ernst&Young) e outras como Everis Group. Estas compañías falarán sobre as demandas dos empregadores e ofrecerán información a todos os estudantes que participen neste evento denominado: I Excellance Job Fair.
O mesmo dia 24, en colaboración co Club Financiero de Santiago, contaremos na Facultade cun dos máis carismáticos comunicadores no ámbito das competencias para desenvolver con éxito o futuro, tanto no terreo profesional como persoal: Josef Ajram, trader de Bolsa e deportista nas probas máis esixentes do ultrafondo. Nas súas conferencias Ajram logra transmitir as súas vivencias e coñecementos sobre o mundo do deporte extremo e aplicalos  ao mundo empresarial.

No hay comentarios:

Publicar un comentario